domingo, 31 de mayo de 2015

BONECA DE FARRAPO. 1º PRIMER PREMIO DO III CERTAME DO MICROCATRORRELATOS DO CAFÉ DE CATRO A CATRO



Amelia chora. Dos seus enormes ollos azuis saen bágoas de desacougo e amargura. Bágoas que empapan o meu corpo de tea mentres mira pola fiestra como unha enfermeira fai garatuxas ao bebé de outra. Sempre fora o seu soño ser nai e alí está, no final da vida. Sen descendencia. Mexéndome nos brazos, chamándome filla a min, que non son máis que unha boneca de farrapo.

Ela contoume que non foi nai non por cousas da natureza. Estivo casada cun bo home ao que perdeu por mor da súa atarefada vida na procura do éxito. Logo xa non houbo máis xuramentos de amor eterno. So paixóns dunha noite, romances pasaxeiros, nada serio.

Os anos correron silandeiros como neve derreténdose ao sol e cando fixo conta deles xa eran auga. A menopausa trouxo consigo a xubilación, o ingreso na residencia, o fin da esperanza. Nada ten agora de vella. Espera que o tempo remate na derradeira volta do seu reloxo de area sen ninguén a quen chorar, ninguén a quen amar. Soamente a min, unha simple boneca.

Mais non podo darlle folgos a eses ollos bonitos nin mesmo as grazas polas nanas e os agarimos. Non podo dicir nada. Só frases feitas se tira do fío das miñas costas que non falan do amor que lle teño.

Amelia xa non mira pola fiestra, seca as bágoas, suspira e métese comigo na bañeira. Pero que fai? Non, non, agarda!

As costuras dos remendos silencian os meus berros. Xa é tarde. O derradeiro solpor tingue de vermello a auga e o ceo mentres eu floto á deriva, a carón do corpo sen vida da miña Amelia.
                         





4 comentarios:

  1. É marabilloso ver como a xente nova escribe xa na nosa lingua. Fermoso triste e de notoria calidade na escrita. Parabéns, é un gran relato.

    ResponderEliminar
  2. Alegroume moito que este resultase o texto gañador: é fermoso, emocionante!
    Non deixes de escribir, Paula, nunca!
    ... :)

    ResponderEliminar
  3. Que bo... xa sabes o que opino... moitos parabéns Xirasola!!!

    ResponderEliminar
  4. Ains, sempre me pasa o mesmo, logo leo o que es escrebo e digo... que soso. Emocioneime moito o outro día cando liches. O certo é que o fixeches xenial por moito que digas, e alégrome máis que gañases ti porque foi por decisión da xente que alí estaba, non porque levases lexión de simpatizantes. Por iso, repito, parabéns!!!!

    ResponderEliminar