- Por onde empezo?…
- Por onde
queiras.
Volve ser
luns. Non quero ir ao colexio. Para min estar sentado oito horas nunha cadeira
é un auténtico inferno. Como son un bulebule, a miña mestra rífame de seguido
sen saber que grazas a ela aumenta máis o desprezo dos meus compañeiros.
As clases
son moi aburridas. Xa nada me interesa. Antes levantaba a man cando a profe
preguntaba, pero xa non, despois de tantas veces escoitala " alguén máis á
parte de Xián?” Agora, para evitar esa resposta non pregunto.
En canto
aos exercicios.... tampouco os entrego. Como era tan rápido en rematalos os
demais compañeiros enfadábanse pois a mestra non dá tempo para o resto cando
termina o primeiro. Dende entón sempre os deixo incompletos. Prefiro un castigo
na casa que unha malleira á saída do colexio.
Mais o peor,
sen dúbida, é o recreo. Sentado nun recuncho desexo que alguén se achegue ao
meu carón. Coa cabeza e os brazos apoiados nos xeonllos miro cara a un lado e
ao outro buscando nos ollos dos demais unha mirada amiga. Pero algo no meu
interior fai que me comporte coma un turbillón, algo impide que os demais me
acepten, algo que non podo controlar.
Eu non
quero falar moito, nin rápido, nin saltarme as quendas, nin responder antes de
que a miña mestra remate de formular a pregunta. Gustaríame tanto ser un máis e
que alguén me escollese nos xogos… aínda que fose de último. Pero é imposible.
A miña mamá
di que teño algo que se chama trastorno por déficit de atención e
hiperactividade. Xamais poderei ser un simple neno, un neno feliz, un neno que
ten amigos, un neno normal. Catro letras me condenan, unhas siglas a modo de
etiqueta fatal, TDAH. As bágoas caen dos meus ollos tras media hora eterna de
recreo morrendo no intento de ser aceptado. Ninguén se achega. Mañá será igual.
E así paso
os días, de luns a venres, desexando que soe o timbre para chegar a casa e
perderme nos historias do meu libro favorito, sucando o ceo, xunto a Peterpan.
Aínda que ultimamente non teño humor nin para iso. A miña mochila agarda no
cuarto. Non quero percorrer outra vez o camiño ao colexio co peso do meu
trastorno ás costas. Nin ser máis o motivo das risas, o incomprendido ou o neno
solitario. Estou farto! Mais non podo escapar.
A medida
que avanzo, o gris das rúas vólvese acorde ao meu estado de ánimo. Subindo
Regueiro, atraveso o patio que leva ata Povisa, triste e amoucado. De sócate
algo chama a miña atención. Entre os edificios atopo unha cousa que nunca vira,
un auténtico arco da vella composto por casiñas de planta baixa debuxan na miña
cara un sorriso, coma se a esperanza tomase forma de pequena barriada. As
paredes son de todas as cores, rosas, laranxas, amarelas… As xanelas relucentes
coma se alguén viñera de limpalas, nas repisas flores radiantes e fermosas
aínda sen ser a súa época, e no medio e medio, unha porta entreaberta cun
resplandor que chama por min dende a escuridade que asoma por ela.
Ao
principio dubido, miro con receo, sinto medo. Mais a curiosidade impúlsame a
descubrir o misterio. Atraveso a porta verde e esta péchase ao meu paso,
deixándome a escuras, sen ver nada máis que aquela luz iridescente. De súpeto o
escintileo achégase a min, cada vez máis e máis e cando xa o teño na punta do
meu nariz…Maxia! A luz convértese no heroe da miña infancia. Non dou crédito,
estou paralizado, abraiado! Teño ante os meus ollos ao incrible, o inigualable,
o verdadeiro Peterpan!
- “Como vai
esa vida Xián? Veña, imos sucar o ceo unha vez máis”
Os meus pés
sepáranse do chan. O meu corpo elevase e Peterpan empeza a voar a toda
velocidade ao meu redor, semella un mosquito ao que é imposible dar caza. Ao
seu paso queda un ronsel de brillantina que vai invadindo todo de luz e que
deixa ao descuberto unha morea de nenos perdidos pintando, xogando co balón,
escribindo, contando chistes, facendo experimentos e incluso teatro... Hai mais
nenos coma min! E todos parecen felices nese lugar fantástico, ideal, no Pais
de Nunca Xamais.
- Xián.
Xián!
- Que? Que
foi? – contesto
-
Remataches xa de describir como te sentes?
-
Ah... Si. Coido que si.
- Ben por
hoxe abonda. Na próxima sesión o comentamos
Bravo
ResponderEliminarNo m puede gustar más!!
ResponderEliminarNo m puede gustar más!!
ResponderEliminar