martes, 7 de abril de 2015

Fin da cuarta parte.



Fin da Cuarta Parte.
(Exercicio de personificación dos obxectos. Taller de perfeccionamento literario)



Fin da Cuarta Parte.
Síntoo moito pero xa non podemos seguir. A nosa relación remátase aquí. Non é que xa non te queira nin que xa non te valore pero hoxe outro vai ocupar o teu espazo. Así que me despido de ti, non sen antes darche as grazas.
Grazas por esas longas tardes de domingo que enchiches cos teus interminables monólogos para que non botase de menos a praia. Grazas por esas reunións ata xa entrada a madrugada de conversacións e reflexións terapéuticas. Grazas por facerme navegar entre correntes e por converterme no capitán Nemo descubrindo en soidade as profundidades do inmenso océano do coñecemento.

Tamén quero pedirche desculpas por non ser demasiado cariñosa contigo e non te ter protexido o suficiente. Perdóame polas innumerables feridas que che fixen no lombo e por eses días enteiros sen falarche ata que se me pasase o enfado provocado por esas palabras que pronunciabas e que non entendía.

Fuches o primeiro, o que me mostrou por primeira vez a categorización multiaxial pero agora xa non me vales. Xa es vello e obsoleto. Xa non están en voga, nin á última, nin se queira sabes do que se fala agora.

Por iso non me queda outra que exiliarche, que cambiarche de sitio para que o teu fillo che suceda. É inevitable querido amigo.

Xa se publicou o DSM V.

Paula Xirasola

No hay comentarios:

Publicar un comentario